Formatos
O obxectivo final da do Portal Abertos é lograr a publicación da maior cantidade posible de datos, empregando formatos estruturados, preferiblemente non propietarios e procesables de forma automática. Canto mellor estruturados e enriquecidos estean os datos máis doada será a súa reutilización e a construción de aplicacións para o seu tratamento automatizado. O uso de formatos estándar abertos permitirá que os datos sexan tratados con diversos tipos de ferramentas sen necesidade de ter que adquirir licenzas de uso.
Entre os formatos abertos máis comúns en que se poden distribuír os datos destacamos os seguintes:
CSV (Comma- Separated Values): é un formato simple para o almacenamento de datos tabulares en texto plano que se utiliza frecuentemente para o intercambio de información entre distintas follas de cálculo que utilizan outros formatos propietarios.
HTML (HyperText Markup Language): linguaxe utilizada para describir a estrutura e o contido en forma de texto, así como para complementar o texto con obxectos tales como imaxes, na elaboración de páxinas web.
JSON (JavaScript Object Notation): é un formato utilizado para intercambio de datos, sendo un subconxunto da notación literal de obxectos de JavaScript, pero independente de linguaxe. O seu emprego evita o uso de XML e fíxose moi popular sobre todo entre desenvolvementos AJAX.
ODS (OpenDocument Spreadsheet): formato de datos aberto e estándar, emprégase para o almacenamento de follas de cálculo que amosan información en celas organizadas en filas e columnas. Cada unha desas celas contén datos ou fórmulas con referencias –relativas ou absolutas– a outras celas.
RDF (Resource Description Framework): non é un formato en si mesmo, senón que define un framework de metadatos como linguaxe para representar a información na web. É un modelo universal que permite intercambiar e enlazar a través de diferentes aplicacións datos e recursos sen que perdan o seu significado, o que facilita a reutilización e o enriquecemento dos recursos na web. RDF represéntase a través de diversas serializacións, sendo a máis habitual a que emprega a notación XML/RDF.
GeoJSON (Geo JavaScript Object Notation) é un formato de datos xeoespaciais baseado en JSON que se converteu nun estándar aberto e amplamente utilizado para representar información xeográfica, incluíndo puntos, liñas e polígonos, xunto cos seus atributos.
XML (eXtensible Markup Language): é unha metalinguaxe extensible de etiquetas, entendida como unha maneira de definir linguaxes para diferentes necesidades, e particularmente para o intercambio de información estruturada entre diferentes plataformas.