A Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, realiza ininterrompidamente desde o ano 1991 a campaña anual de vacinación antigripal, aproximadamente entre os meses de outubro e decembro.
Esta enfermidade pode ser grave e incluso mortal, especialmente nalgúns grupos, tales como as persoas maiores, as mulleres embarazadas e aquelas persoas con condiciones médicas que as predispoñan ao padecemento de complicacións por esta enfermidade.
O obxectivo desta vacinación anual é reducir a mortalidade, a morbilidade e os custos socio-económicos asociados ao seu padecemento. Por iso se oferta de maneira gratuíta ás persoas incluídas nos grupos de risco co fin de conseguir unhas adecuadas coberturas.
No ano 2022 ademais incorporouse a protección na poboación infantil (nenos e nenas de 6 a 59 meses) dada a alta carga da enfermidade e as taxas de hospitalización neste grupo de idade, incluíndo complicacións, infeccións bacterianas secundarias e consumo de antibióticos asociados. Ademais a vacinación na infancia diminúe tamén a enfermidade noutros grupos de idade ao reducir a transmisión dos nenos/as aos maiores.
A vacina da gripe reformúlase todos os anos debido ás variacións que se producen nos virus gripais, co obxecto de que concorden o máis posible os virus incluídos na vacina cos virus circulantes e todas elas deben conter as cepas especificadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS).